sábado, 23 de noviembre de 2013

CONFERENCIA DO CLIMA DE VARSOVIA 2013

Enténdese como "cambio climático" un cambio nas condicións climáticas atribuído directa ou indirectamente á actividade humana, que altera a composición da atmosfera mundial e que se suma á variabilidade natural do clima observada durante períodos de tempo comparables. Hai novas e fortes evidencias de que a maior parte do quentamento observado durante os últimos 50 anos é atribuíble ás actividades humanas. De feito, a maior parte do quentamento é debido ao aumento nas concentracións de gases de efecto invernadoiro (GEI), principalmente ao CO2, procedente da queima de combustibles fósiles como carbón, petróleo e gas.
Os efectos do quentamento do sistema climático global, é dicir, o cambio climático, xa se aprecian en numerosos puntos do planeta Terra. Entre os principais encóntranse:

- O incremento da temperatura media da superficie terrestre ao largo do século XX en 0,6 ºC. As previsións menos extremistas afirman que durante o século XXI a temperatura media global aumentará entre 1 e 5º C.
- O nivel do mar subirá entre 9 e 90 cm durante o século XXI debido á fusión dos xeos.
- A intensificación das secas no S de Europa, o que provocará unha importante diminución das reservas hídricas.
- A intensificación dos procesos de erosión e salinización das franxas costeiras.
- Os fenómenos meteorolóxicos extremos (ciclóns tropicais, furacáns, tifóns, etc.) aumentarán a súa frecuencia e intensidade.
- A capacidade produtiva agrícola verase moi reducida en amplas rexións de Asia e o continente africano.
- Numerosas especies, animais e vexetais, tenderán a desprazarse cara a latitudes cada vez máis frías en busca dos climas aos que están habituados. Aquelas que non sexan capaces de adaptarse ou desprazarse, extinguiranse. Todo iso repercutirá sobre a forma de vida rural, o turismo e os recursos xenéticos.

Para intentar reducir os impactos do cambio climático hai que:

- estabilizar e reducir os niveis de emisións de CO2, cambiar os investimentos en enerxía, o sector crucial, e apostar polas denominadas enerxías renovables.
- incrementar a superficie boscosa evitando a deforestación e aumentando as repoboacións.
- tomar medidas de adaptación que tendan a minimizar no posible os efectos do cambio climáticos nos ecosistemas máis fráxiles e nos sectores económicos máis vulnerables

A principal ferramenta existente para loitar e mitigar os efectos do cambio climático é o Protocolo de Kioto, un acordo asinado por un total de 36 países que se comprometeron a reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro. Cada certo tempo teñen lugar reunións entre paíse para paliar ou mitigar este problema.
Neste mes de novembro tivo lugar a Conferencia sobre Cambio Climático na cidade de Varsoviaonde os gobernos que participaron acordaron reducir as emisións de gas de efecto invernadoiro resultantes da deforestación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario